A TUA PÁXINA WEB DE ENTRETEMENTO. FAITE SOCIO E A DIVERTIRSE FACENDO MOITOS AMIZADES
   
  Asociación Xogos Tradicionais de Compostela
  AS REGRAS DA CHAVE
 
Ficheiro:Xogodachave.jpg
A Chave é un xogo propiamente galego, aínda que semellante a outras prácticas de lanzamento e precisión peninsulares.
Para xogar, sempre nos ha cumprir unha Chave (de diferentes tipos ao longo do país) e uns Pesos  (ou mallas de ferro) pra lanzar dende unha distancia predeterminada. É un xogo/deporte individual, por parellas ou equipos que se pode praticar en calquer espazo aberto.
Precísase dun terreo con superficie dura rectángular, libre de obstáculos e con un desnivel non superior ao 10%.
A distancia entre a base da Chave e a liña de lanzamento será de 14,20 metros debendose situar o xogador que lanza os Pesos, por tras da liña sen a pisar.
A Chave será unha peza de ferro en forma de punta de lanza rústica ou língoa, que remata estreitandose na súa base.
Os Pesos serán redondos e planos, alisados polas dúas caras, debendo ter de 500 a 550 gramos de peso e serán os catro iguais.
A base na que se sostén a Chave (o Cepo), preferíbelmente, non será de ferro, co obxeto de non confundir os sons.
En cada partida han participar obrigatoriamente catro xogadores, emparellados dous a dous.
Atirarán os Pesos un xogador de cada parella, mentres os seus compañeiros permanezcan a carón da Chave para -no caso de caír esta a causa dun lanzamento- sexa colocada polo compañeiro do xogador que atire a continuación.
Cada xogador lanzará dous Pesos por tiraxe.
Os Pesos que non atinen na Chave han-se contabilizar por tantos (cada peso un tanto) por proximidade coa chave. A pontuación oficial de cada partida é de 100 Tantos.
Cada peso que golpee na Chave, terá gañado un valor de 8 tantos, tendo que ser o lanzamento directo, sen rebotes nen ter petado antes no chan ou no cepo.
Non é preciso derrubar a Chave para contabilizar unha diana; abonda con que o peso o roce.
Cada vez que a Chave caiga ao chan colocaráse correctamente, mais se for o rozamento, o empurre do vento ou a vibración do cepo quen ocasionar a súa inclinación, mesmo se chegar a se poñer de perfil, non se poderá rectificar esta postura ata a vindoura ocasión na que caiga ao chan.
Se unha vez lanzado o Peso, cae a Chave sen ter feito diana non se contabiliza como tanto, mais se atinar o  Peso antes de chegar a Chave ao chan, será valida. Tamén terá validez se a Chave esta no chan mais só cando caiga cara tras do Cepo.
O sistema de anotación consiste en descontar os Tantos conseguidos dos acadados polo xogador do equipo contrario.
No caso dos dous xogadores obter as dúas máximas pontuacións atirarán novamente e pola mesma orde. Iniciará a xogada, en cada tiraxe, o xogador correspondente á parella que no anterior turno tiverá sumados máis Tantos, agás no comezo da partida, que o fará o número máis baixo resultante no sorteo.
Ao se celebrar un sorteo de parellas, e resultara que son impares, a última terá de se enfrntar a gañadora da primeira partida, continuando outra vez polos números baixos e así sucesivamente ata o fin.
As partidas sempre comezarán a se disputar polo número máis baixo. Ante a non asistencia dunha parella, o equipo rival terá que agardar ata o remate da partida seguinte. Se aínda entón non aparecera, clasificarase o equipo que agarda. No caso de que xa non houbera mais partidas, acordarase un tempo de espera de 15 minutos, transcurrido o cual, a parella obxeto da espera ficará descalificada.
Se houbera casos de discusión pola validez da Chave, serán os dous xogadores que están a carón da Chave quen decidan, e no caso de non se poñer dacordo, a Mesa se a houbera.
Os xogadores observarán unha correcta da deportividade e respecto cara os contrarios no momento de lanzalos Pesos, debendose separar como mínimo 2 metros e mantendose fora da liña de lanzamento en silencio. Do mesmo xeito, os que están colocando a Chave gardarán unha distancia semellante e non farán xestos, nen movementos que poidan distraer ou molestar ao lanzador.
 
   
 
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis