A petanca é un xogo popular tipicamente provenzal, aínda que xa amplamente distribuído por Europa Occidenta.
Historia: Os xogos populares con bólas están amplamente difundidos por todo o planeta, con diversidade de regras e de sistemas de xogo, e existes evidencias históricas que remontan ao Antigo Exipto, a Grecia ou a Roma. A idade de ouro dos xogos de bóla é sen dúbida o Renacemento, onde a nobreza comeza a xogar ao bilboqué ou ao jeu de paume. No século XVIII e XIX en Francia e particularmente na súa metade sur, había distintas modalidades de xogos de bólas tradicionais, entre eles o xogo provenzal que é o antecedente directo da petanca.
O 13 de xullo de 1907 o campión de xogo provenzal Jules Hugues, limitado nas súas capacidades polo reumatismo, decide inventar unha variante que obrigue a xogar cos pés xuntos (sen carreira), e nun campo restrinxido. O xogo, coas novas regras, comeza a desputarse na beirarrúa que está enfronte do café La Bole étoilée (a bóla estrelada), na vila mariñeira de La Ciutat, no departamento occitano de Bocas de Ródano.
O primeiro campionato oficial do xogo ten lugar na mesma vila de La Ciutat en 1910 onde recibe o seu nome, procedente do occitano pés-tancats (pés xuntos).
O xogo
As regras: A petanca consiste en guindar unha serie de bólas metálicas co propósito de achegarse o máis posible a unha pequena bóla de madeira que foi lanzada anteriormente por un dos xogadores. Quen se achegue máis ao remate da quenda de lanzamentos, obtén un punto. O primeiro que consiga trece puntos gaña.
Cada xogador lanza, por quenda, tres bólas na modalidade individual e dúas se se xoga por equipos. Os lanzamentos poden ser de tres tipos: de aproximación; de tiro, para intentar afastar unha bóla dun xogador contrario batendo nela; e de "empuxe", facendo rodar a bóla para achegar máis unha propia ao boliche ou para afastar unha contraria.
Os materiais: As bólas usadas son metálicas (non deben conter chumbo nin area no seu interior) cunhas estrías ao redor. O diámetro debe estar entre 7 e 8 cm, mentres que o seu peso oscila entre os 625 e os 800 g. A bóla pequena é de madeira e debe ter un diámetro de entre 2,5 e 3,5 cm.
Campo de xogo: A petanca xógase en espazos abertos e sen limitar, fundamentalmente chás e de poder ser cun pouco de area. Non é necesario que haxa unhas dimensións mínimas, pero pola súa extensión pode ser semellante de longo a un campo de billarda.
Institucións e difusión: Existe unha Federación Internacional de Petanca; porén non existe a federación galega equivalente. A pesar de ter a súa orixe en Francia, xa é un deporte moi difundido, con 596.000 practicantes federados en 69 países do mundo (datos de 2006)
|